Amazon supera amplamente a Google no mercado dos altofalantes conectados

venres, 15 de novembro do 2019 Marcus Fernández

O mercado dos altofalantes con asistentes de voz é aínda incipiente, e conta cun número de actores bastante reducido (entre os que poderiamos considerar ausente a Apple, xa que o seu HomePod está centrado na reprodución musical e non no uso do asistente persoal), existindo unha clara división entre os mercados occidental e asiático.
Se deixamos a un lado aos fabricantes chineses, temos que a carreira limítase a dous corredores (Google e Amazon) e, aínda que Amazon partía dunha posición de certa vantaxe, Google non conseguiu pórse á altura, e a distancia entre ambas compañías non para de agrandarse se atendemos a datos de Canalys, compañía que asegura que no terceiro trimestre do ano Amazon comercializou 10,4 millóns de altofalantes conectados, o que supón un crecemento do 65,9%, mentres que Google cos seus 3,5 millóns de altofalantes experimentaría unha caída do 40,1%.
Cómpre sinalar que Amazon ten unha ampla gama de produtos Echo, con distintos formatos e prezos, mentres que o catálogo de Google é moito máis reducido e sen tantas promocións, de aí que non resulta arriscado aventurar que Alexa é o asistente líder nos altofalantes conectados.
Sobre este tipo de produtos Canalys tamén apunta a un detalle moi interesante: o 22% destes trebellos vendidos no terceiro trimestre do ano incluían pantalla. Estamos ante un formato chegou máis tarde, pero que pouco a pouco vai gañando presenza nos fogares, tanto polas funcionalidades que abren as pantallas (como amosar información meteorolóxica, reproducir vídeos ou incluso amosar receitas de cociña) como polo interese que algúns usuarios teñen pola videoconferencia (aínda que este tipo de comunicación continúa a ser residual).

Táboa cos datos publicados por Canalys

PUBLICIDADE