Amazon trae a España as súas tabletas con pantalla de 10,1"

mércores, 28 de abril do 2021 Marcus Fernández

As tabletas de Amazon teñen un grande éxito comercial pese a carecer da tenda de aplicacións de Google, xa que contan cunha relación calidade-prezo sen competencia, pero en España estes dispositivos limitábanse aos modelos con pantallas de 7 e 8 polgadas, o que por fin se soluciona co lanzamento da tableta Fire HD 10, que chegará o 26 de maio a un prezo que parte dos 149,99 euros para o modelo con 32 GB de almacenamento e publicidade integrada, e chega até os 204,99 euros para o modelo con 64 GB de almacenamento sen publicidade.
A Fire HD 10 ten unha pantalla Full HD de 10,1, procesador de 8 núcleos, 3 GB de RAM e unha autonomía de até 12 horas, polo que non estamos ante unha tableta de alta gama, senón dun produto que busca cubrir de xeito bastante xusto as demandas do público máis amplo, que simplemente queren un trebello para acceder á Internet e consumir contidos audiovisuais.
Aínda que as tabletas de Amazon conten cun catálogo reducido de aplicacións, si conta coas máis importantes (Prime Video, Netflix, Spotify, Instagram, Facebook, TikTok, Twitter, Skype, Twitch...), entre as que non falta o Office de Microsoft (de xeito que os subscritores de Office 365 poderán utilizar a tableta para tarefas de produtividade) e para o consumo audiovisual incluso presume do soporte de son Dolby Atmos.

PUBLICIDADE