Ames aposta polo software libre para os servizos da súa administración
mércores, 1 de outubro do 2008
Ata un total de
165 veciños e veciñas do concello coruñés de Ames optaron pola xestión
telemática para renovar a súa inscrición nas actividades deportivas municipais
desta tempada, o que supón máis do 20 por cento das 800 persoas que forman este
colectivo.
O sistema en
liña, que foi implantado por eLaboro no
marco xeral da súa aposta polo software libre na administración amiense, foi
ofertado por primeira vez neste concello e a súa acollida foi notoria.
Segundo os datos
manexados pola empresa compostelá, que tamén xestionou as bases de datos dos
rexistros presenciais, o total de usuarios dados de alta nas actividades chega
a 1.626 persoas. Os usuarios que preferiron realizar a súa renovación da
matrícula a través da xestión telemática, puideron facelo durante calquera hora
do día e evitaron así as longas esperas que padeceron os veciños que optaron
pola modalidade presencial.
O sistema
implantado pola empresa eLaboro S.L. baséase nunha solución denominada Avante,
que permite xestionar todo tipo de procedementos administrativos sen realizar
desenvolvementos informáticos. Trátase dunha aplicación que xa está a ser
empregada noutras unidades administrativas de Galicia, como a Xunta, e en
concellos de dimensións destacables como Terrassa, en Barcelona.
A solución
céntrase na xestión integral de expedientes administrativos na área de Cultura
e Deportes e permítelle á poboación levar a cabo solicitudes e consultas de
xeito telemático “con total seguridade e
comodidade”. Asemade, a ferramenta permite reducir o número de arquivos
administrativos, facilita o intercambio entre as distintas unidades de xestión
e permite a consulta da evolución dos expedientes.
Ante a boa
acollida do sistema, o concello de Ames baralla agora a ampliación da oferta
telemática a outros servizos municipais, adiantándose así á normativa de acceso
electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que entrará en vigor no
vindeiro 2010.