Amigus celebra nas Pontes o Arduino Day cun novo obradoiro para a rapazada

luns, 9 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Este mes de marzo temos novamente unha cita cos novos xeitos (participativos, argalleiros, abertos, divulgativos, enriquecedores) de facer tecnoloxía. Dende As Pontes, a Asociación Amigus infórmanos de que o vindeiro 21 de marzo, ao abeiro dos seus obradoiros de Amigus Labs e da conmemoración do Día Mundial de Arduino (Arduino Day), celebrarase unha nova cita de divulgación tecnolóxica práctica, desta volta orientada ás novas xeracións. No obradoiro iniciarase á rapazada participante no uso da placa libre Ardunio para dar forma a enxeños de robótica. Farase dun xeito “práctico e divertido” e porase o foco no amplo abano de posibilidades que ofrece o devandito hardware-software libre.
Durante 6 horas, as nenas e nenos participantes aprenderán a programar en Arduino e a desenvolver os seus primeiros programas e proxectos, entre eles fabricarán robots e elementos dunha Cidade Intelixente (unha Smart City)
O obradoiro será de 10:30 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00. A idade para participar no taller é de 6 a 16 anos. A actividade é de balde para os fillos dos socios de Amigus Labs e de 10€ para non socios. Unha vez cuberto o formulario de inscrición, enviarase un correo electrónico confirmando a reserva da praza así como o número de conta onde formalizar a inscrición.
Temos toda a información precisa sobre a nova cita da Asociación Amigus na súa web.
Arduino
Arduino é unha plataforma de hardware e software libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e unha contorna de desenvolvemento (IDE), deseñada para facilitar o uso da electrónica en proxectos multidisciplinares. Ao ser open-hardware, tanto o seu deseño como a súa distribución é libre: pode empregarse libremente para o desenvolvemento de calquera tipo de proxecto sen adquirir ningunha licenza.

PUBLICIDADE