Amnesia 3.0, a primeira serie interactiva en galego, nomeada aos XIX Premios Mestre Mateo

mércores, 10 de marzo do 2021 Pedro Pérez

A primeira serie interactiva en galego, Amnesia 3.0, escrita e dirixida por Irene Pin, atópase entre as finalistas ao Premio Mestre Mateo á Mellor Serie Web da Academia Galega do Audiovisual. Así, o vindeiro 10 de abril, Amnesia 3.0 darase cita na Gala dos XIX Premio Mestre Mateo, no Teatro Colón da Coruña, e será retransmitida pola Televisión de Galicia.
A serie, que xa recibiu o premio á mellor produción de proxecto do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, constitúe un fito dentro da ficción dixital en Galicia, pois ofrécese a posibilidade de que o espectador se achegue á historia por un ou outro itinerario que el mesmo poderá escoller. Deste xeito Amnesia 3.0 convértese na primeira aposta interactiva galega que nace dunha teima por romper os límites impostos.
Amensia 3.0 expande o panorama das webseries a un xénero pouco explorado como é o da ciencia ficción. O espectador poderá intervir na historia sen mudala, pero si na forma en que se percibe. Monti Castiñeiras, Sabela Arán e Isabel Naveira son as caras máis coñecidas que participan na primeira tempada da serie, que consta de tres capítulos. O universo da Amnesia é como a vida, non todo está tan claro.

PUBLICIDADE