Amnistía denuncia o libre acceso dos nenos ós videxogos violentos e esixe medidas restritivas
venres, 5 de xaneiro do 2007
Os videoxogos non
son un problema en si mesmo para os nenos. Poden ser positivos ou non con
independencia do feito de seren videoxogos. O problema é cando hai creadores
deste tipo de produtos que non teñen problema algún en facer da violencia sen
conto un reclamo ou, máis polo miúdo do sufrimento do demais nos patios de
colexio ou do derramamento de sangue de viandantes na cidade. Deste xeito, e co
fin de que este tipo de contidos non acaben por converterse no pan de cada día
dos máis pequenos, están a xurdir unha cantidade importante de voces de
protesta.
Como por exemplo a da ONG Amnistía Internacional, que vén
de esixir un marco legal para protexer ós cativos do emprego da violencia
nos videoxogos. A xuízo desta organización, o Goberno español comete un erro
grave ó delegar a protección dos menores nas empresas fabricantes deste tipo de
produtos, non facendo nada por protexer os dereitos de aqueles “ó incumprir a lexislación nacional e
internacional en materia de protección da nenez”.
Asemade, a ONG advirte de que ó longo do ano pasado non se fixo nada en España
para pór algún tipo de barreira entre os nenos e os videoxogos violentos. É
dicir: o acceso segue a ser practicamente chan e libre. Malia todo, a
organización recoñece que se ten xeneralizado a aplicación do Código PEGI (Pan
European Game Information) que obriga ás empresas a clasificar por idades os
seus produtos, mais o problema (sostén Amnistía) persiste por ser os criterios
que rixen esa clasificación abondo inconsistentes.
Ademais, engade, a información dos videoxogos incluída nas iconas non chega
para enxergar realmente cales son as características do xogo. A xuízo de
Amnistía, non é natural que teña que ser o propio sector quen regule a situación,
xa que a tendencia normal dunha empresa é a quitarlle ferro a calquera polémica
cos produtos que fabrica ou distribúe.
Para a ONG, é ben preocupante o seguinte dato: o 20% dos menores recoñece xogar
con videoxogos nos que se manca, tortura ou mata a nenos, vellos ou
embarazadas. Por esta razón, pide que o Goberno poña en marcha canto antes unha
comisión de seguimento do PEGI.