Amosan imaxes do que podería ser o futuro smartphone de Amazon

martes, 15 de abril do 2014 Marcus Fernández

Continúan os rumores sobre o futuro smartphone de Amazon, e agora céntranse na aparencia externa que tería o dispositivo pois no blog de Boys Genius Report publican en exclusiva imaxe do que podería ser o móbil insignia de Amazon que centraríase en dous puntos: os produtos e servizos de Amazon e unha interface 3D personalizada que non se parecería a nada do que vimos ata o momento nun smartphone.
Ao parecer, Amazon estaría a traballar en 2 terminais para a súa comercialización dentro de poucos meses, e que irían dende un móbil económico de prestacións bastante limitadas ata un dispositivo máis avanzado, que podería funcionar cun procesador Qualcomm Snapdragon, 2 Gb de RAM e unha versión de Android moi personalizada.
Distintas fontes parecen coincidir en que o móbil de referencia tería unha pantalla de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (en vez de optar por unha pantalla Full HD como moitos dos últimos smartphones de alta gama).
O futuro móbil destacaría tamén por contar cun total de 6 cámaras (sendo a súa cámara traseira de 13 Mpíxeles e outra frontal para videoconferencia), que permitirían captar a profundidade do noso contorno para crear efectos tridimensionais, de xeito que o móbil reaccionaría ao xeito no que o miramos, conseguindo unha simulación do 3D moi diferente á que vemos en pantallas como ás das consolas Nintendo 3DS (pois a pantalla carecería de tecnoloxía de barreira de paralaxe).

PUBLICIDADE