Amosan o que podería ser o tablet de HP con webOS

martes, 18 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Esta tarde Engadget sorprendeunos coa primicia de Topaz, un tablet que funcionaría con webOS e que sería 1 dos 2 dispositivos deste tipo que actualmente estarían en desenvolvemento en Sunnyvale para HP/Palm: este sería o de 9 polgadas, e tamén habería outro coñecido coma Opal que contará cunha pantalla de 7 polgadas. Estes dispositivos poderían presentarse oficialmente o vindeiro 9 de febreiro e a súa comercialización estaría estimada para o mes de setembro.
A imaxe do Topaz sería un render interno de HP que teríase filtrado a Engadget, e que amosa detalles coma un porto micro USB na súa base, cámara frontal e unha ausencia de botóns que resulta especialmente rechamante. Tamén podería contar con 3 altofalantes integrados para permitir a reprodución de son estéreo tanto en horizontal coma en vertical.
Segundo parece, os distintos tablets de HP con webOS comercializaríanse en modelos con Wi-Fi, 3G e 4G (LTE), atendendo a distintas esixencias no que a conectividade se refire.

PUBLICIDADE