AmpliFi Wi-Fi, unha solución completa para a rede sen fíos do fogar

luns, 9 de maio do 2016 Marcus Fernández

Cada vez son máis os fabricantes que buscan solucionar a conectividade doméstica sen fíos, xa que ter unha coa cobertura Wi-Fi no fogar resulta complicado, e casando esta tecnoloxía cun deseño coidado temos os novos sistemas AmpliFi Wi-Fi, que van máis aló de ser un router Wi-Fi, senón que tamén inclúen dous repetidores para estender a cobertura no fogar, aplicación móbil para facilitar a configuración e incluso sistemas de monitorización da velocidade (que tamén detectan as incidencias para que a rede sen fíos se adapte á situación e permite gozar da mellor conexión posible).
O router da solución de Amplifi Wi-Fi é un pequeno cubo cunha pantalla táctil redonda frontal na que podemos ver as velocidades de transferencia das que gozamos (e con 4 portos Gigabit na parte traseira e un porto WAN), podendo ver este dispositivo como un elemento decorativo que non é preciso agochar da vista, e que integra no seu interior unhas antenas Wi-Fi AC de grande potencia; os repetidores incluídos no paquete son antenas Wi-Fi de dimensións considerables conectadas a un adaptador con forma de enchufe, de xeito que teriamos unha solución que practicamente funcionaría con só conectase á corrente; e logo, a aplicación móbil, permite configurar a rede en segundos, facilita información sobre o rendemento do noso operador de Internet, permítenos saber quen está a usar a nosa rede, conta cun sistema simplificado para permitir a conexión de usuarios convidados.

Tres modelos

A versión AmpliFi HD estaría orientada a instalacións de grande tamaño e con moitos dispositivos conectados (o que elevaría o seu prezo até 349 dólares)

O peor desta completa solución Wi-Fi é o seu prezo, xa que chegan en tres modelos, AmpliFi, AmpliFi LR e AmpliFi HD, con prezos de 199, 299 e 349 dólares respectivamente, diferenciándose na potencia de cada Wi-Fi (o modelo básico parte dunha potencia de 24 dBm con velocidades de 2,35 Gbps e para un zona de té 929 metros cadrados, mentres que o modelo superior tería unha potencia de 26 dBm, unha velocidade de 5,25 Gbps e para espazos de até 1.858 metros cadrados). Polo momento só están dispoñibles mediante reserva nos EE.UU.

O router vén acompañado por un par de repetidores Wi-Fi AC

PUBLICIDADE