AndroiDTV facilita gravar da TDT en tablets e smartphones

venres, 24 de maio do 2013 Marcus Fernández

Para recibir a TDT no ordenador ou nun dispositivo con Android dende PCTV Systems estrean o seu AndroiDTV, un pequeno trebello cun porto microUSB 2.0 que pode conectarse que destaca principalmente por facilitar a reprodución e gravación de televisión en tablets con Android valéndose da aplicación de balde TVCenter, compatible con móbiles Samsung GALAXY Nexus, Note, Note II, S II, S III, HTC One S e HTC X e tablets Samsung GALAXY Tab 2, Nexus 7 e Nexus 10 (aínda que non debería ter problema en funcionar con outros dispositivos con procesador de dobre núcleo e Android 4.0.3 ou superior). Inclúe un cable adaptador para poder conectalo a un porto USB dun PC con Windows Vista/7/8 para funcionar como unha sintonizadora de televisión externa calquera.
O AndroiDTV está deseñado para ter un impacto reducido na autonomía da batería dos nosos dispositivos con Android, facilita a programación de gravacións accedendo á guía electrónica de programas da TDT e as gravacións televisivas efectúaas sen perda de calidade (soportando tanto sinais SD como HD).
Esta sintonizadora externa de TDT inclúe unha pequena antena telescópica, pero tamén é posible adaptalo para o seu uso con antenas domésticas. O seu prezo de venda é inferior aos 70 euros.

PUBLICIDADE