Angry Birds Epic chega ás tendas de descargas españolas

xoves, 12 de xuño do 2014 Marcus Fernández

En marzo Rovio decidiu realizar un lanzamento limitado de Angry Birds Epic, o salto dos seus paxaros anoxados ao xénero RPG, de xeito que uns poucos países podían acceder a este título free-to-play, servindo así de proba para axustar tanto os servidores que atenden ao xogo como as súas mecánicas (xa que equilibrar o peso dos contidos de pagamento nunca é tarefa doada), proceso que tamén deu tempo dabondo para localizar o xogo aos distintos mercados, para que hoxe se producise finalmente o lanzamento global deste simpático xogo de rol.
O novo xogo de rol con ambientación medieval, no que os paxaros deben percorrer un basto territorio derrotando aos sempre odiados porcos verdes a través de numerosas misións nas que realizar rescates ou descubrir tesouros, seguindo mecánicas de captación de recursos e progresión e equipamento de personaxes propios do seu xénero garanten horas de diversión nesta aplicación que xa está dispoñible para iOS, Android e Windows Phone.
En Angry Birds Epic non falta o humor, como demostran no seu trailer de lanzamento:

PUBLICIDADE