Anker prepara a súa primeira impresora 3D

mércores, 6 de abril do 2022 Marcus Fernández

Non é a primeira vez que un fabricante coñecido recorre ao micromecenado para lanzar un produto, principalmente para chamar a atención, de aí que non sorprenda que Anker optase por Kickstarter para estrear a súa marca de impresoras 3D AnkerMake, de xeito que xa é posible encargar unha impresora AnkerMake M5 por un prezo que para os máis rápidos foi de 429 dólares e agora sería duns 599 dólares.
Son moitos os proxectos semellantes que naceron nos últimos anos, pero nesta ocasión o produto busca atraer consumidores baixo a promesa de impresión 3D cun nivel de detalle de 0,1 milímetros, unha velocidade de impresión que multiplicaría por 5 á doutros produtos semellantes, unha cámara Full HD con intelixencia artificial para monitorizar os traballos (de xeito que avisa no caso de accidente) e unha base de aliaxe de aluminio que achega unha grande estabilidade.
A impresora tamén conta con funcións de control baseado na nube e con gravación de timelapses para poder ver o proceso de creación de complexos obxectos que poden realizarse grazas ao seu nivel de precisión. Incluso integra unha pantalla táctil de 4,3 polgadas para simplificar as impresións. Pode imprimir obxectos de até 235 x 235 x 250 milímetros e pretende entregarse aos seus mecenas o vindeiro mes de novembro.

Vídeo patrocinado no que amosan como será a impresora 3D de Anker

PUBLICIDADE