Anteollos de sol aptos para melómanos

martes, 24 de abril do 2007 Raquel Noya

Pechemos os ollos e imaxinemos por un instante as lentes de sol perfectas. Persoalmente, teño a idea de que para seren ideais deberían ser dun deseño moderno, de boa calidade, resistentes ós golpes, non demasiado caros e (por que non?) cun lector de MP3 integrado. Agora, abramos os ollos e comprobemos que estes anteollos xa existen. Vén de presentalos Oakley e chámanse Thump Pro MP3 Sunglasses.
Este dispositivo é compatible con iTunes, Windows Media Placer, Win AMP e outros reprodutores de arquivos AAC, MP3, WMA. A versión de 1XB vén preparada para amorear até 240 cancións pero tamén hai outras versións máis económicas á venda con 512 e 256 MB de capacidade de almacenamento.
Ademais, as Thump Pro MP3 permiten intercambiar as lentes de xeito sinxelo para afacelas a cada intre do día e a batería recargable dura unhas 6 horas funcionando cunha soa carga.
Iso si, igual o prezo non é tan accesible como me imaxinei ó comezo (xa que rolda os 345 dólares) pero orixinais son un anaco.

PUBLICIDADE