Antonio Bahamonde, membro do SAB do CITIC, Premio Nacional de Informática

venres, 4 de xuño do 2021 S. P.

O investigador Antonio Bahamonde, membro do comité asesor externo (SAB) do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e catedrático da Universidade de Oviedo, vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Informática. Así o acordou o xurado dos Premios de Investigación da SCIE e a Fundación BBVA 2021, do que formou parte o tamén investigador do CITIC, Ramón Doallo.
En concreto, Bahamonde Rionda recibiu o Premio José García Santesmases á traxectoria científica polas “súas excelentes contribucións á promoción e difusión da informática e a consolidación das sociedades científicas, a través da presidencia da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e da Sociedade Científica Informática de España”. Tamén se tivo en conta a súa participación en órganos nacionais de xestión da investigación, como coordinador da área Ciencias da Computación e Tecnoloxía Informática da ANEP, así como a súa traxectoria científica en Intelixencia Artificial e a súa aplicación a distintos eidos como a gandería, alimentación, sanidade e bioinformática.
Lembrar que na edición anterior do certame a empresa Torusware, spin-off da UDC creada por investigadores do CITIC, foi galardoada co Premio Nacional de Informática 2020 na categoría Premio Ramón Llull, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España ( SCIE) e a Fundación BBVA.
Amais, en 2019 a investigadora da UDC e do CITIC Nieves R. Brisaboa foi condecorada co Premio Nacional de Informática na categoría Premio Ángela Ruiz Robles.
En 2018, Ramón Doallo recibiu o premio na categoría Premio Aritmel, e nesa mesma edición, David Vilares foi galardoado co premio na modalidade Investigadores Mozos Informáticos.

PUBLICIDADE