Anuncian a creación de xogos MMO baseados en personaxes da Marvel

martes, 17 de marzo do 2009 Marcus Fernández

A Marvel ten máis de 5.000 personaxes no seu catálogo

Gazillion Entertainment desvelou hoxe que chegou a un acordo para desenvolver xogos multiusuario en liña (MMO) con personaxes de Marvel Entertainment, despois de que Microsoft e Cryptic Studios non fosen capaces de levar este proxecto á práctica (pese a que o anunciara en 2005).
Cómpre precisar que os dereitos de explotación dos personaxes da Marvel (Spider-Man, Iron Man, Hulk…) só afectaría aos MMO, e non aos moitos xogos tradicionais que se prevén para os próximos anos, e non se cinguiría só a un título, senón que é de agardar o lanzamento de varios bastante diferentes ao longo dos 10 anos que durará o acordo pechado.
O primeiro videoxogo que desenvolverá Gazillion estará baseado en Super Hero Squad (serie de animación proxectada para finais de ano e colección de bonecos) e chegará en 2010, pero máis adiante poderiamos ver máis xogos ambientados no Universo Marvel, o que parece unha resposta ao MMO DC Universe Online que se atopa nunha fase moi avanzada do seu desenvolvemento.
Aínda que o anterior MMO da Marvel parecía que sería exclusivo para Xbox 360, desta volta anúnciase que chegará para PC e consolas, en plural, o que dá a entender que estaría dispoñible para Xbox 360 e PS3 (¿quizais tamén para Wii?).

A liña Super Hero Squad sería a primeira en chegar a un xogo MMO

PUBLICIDADE