Anuncian os 2 loitadores que recibirá quen reserve WWE 2K19

mércores, 11 de xullo do 2018 Marcus Fernández

O xogo WWE 2K19 ten previsto o seu lanzamento para o 9 de outubro (aínda que que a súa edición de luxo permitirá gozar do xogo con 4 días de antelación) en versións para PlayStation 4, Xbox One e PC (a versión para Nintendo Switch foi desbotada finalmente por 2K Games) e para animar aos incondicionais desta saga de xogos de loita de grande éxito a mercar o xogo con antelación ofrecen incentivos para a súa reserva, nos que tiran proveito especialmente da nostalxia dos xogadores.
Así, quen merque anticipadamente WWE 2K19 poderá gozar do loitador Rey Mysterio, tal e como se anticipou hai un par de semanas, e que sería a primeira aparición do personaxe nun xogo da WWE nos últimos catro anos; e ao que se sumará unha loitadora, Ronda Rousey, que estréase así nun xogo da WWE (aínda que xa puidemos vela en numerosos xogos de UFC) dun xeito moi especial: rendendo homenaxe a Roddy Pipper ao vestir a indumentaria que levou Rousey no seu debut en WrestleMania 34 (cunha camiseta co alcume do loitador, Rowdy, e faldra escocesa, en alusión á ascendencia do loitador a que moitos lembran por ter incluso protagonizado o filme de John Carpenter Están Vivos).
Lembremos que Rey Mysterio e Ronda Rousey son personaxes incluídos como contido adicional para as reservas, mentres que a estrela do xogo será AJ Styles, loitador que figura en portada e actual posuidor do cinto de gañador da WWE.

Vídeo promocional da presenza de Ronday Rousey no xogo WWE 2K19, no que homenaxean a Roddy Pipper

Rey Mysterio tamén ten un vídeo no que anuncia a súa participación no xogo

PUBLICIDADE