Anuncian os xogos que recibirán en novembro os usuarios de Xbox LIVE Gold

xoves, 30 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Volgarr The Viking é o xogo que recibirán os usuarios Gold en Xbox One

Microsoft está a anunciar os videoxogos que poderán descargar sen custo adicional os subscritores Gold de Xbox LIVE durante o mes de novembro, que na Xbox One pode resultar un tanto decepcionante, por limitarse a un xogo independente, Volgarr the Viking, que estará dispoñibles para a súa descarga durante todo o mes. Este xogo ten unha aparencia gráfica de xogo de 16 bits, na liña do que podía verse en máquinas recreativas a primeiros dos anos 90, e que pese a ter un sistema de control baseado só no uso dun par de botóns, suporá todo un reto á hora de sacarlle realmente partido.

Red Faction: Guerrilla sería o principal xogo que recibirían os usuarios Gold en novembro

Os usuarios de Xbox 360 serán máis afortunados, xa que os xogos que poderán descargar serán Viva Piñata: Trouble in Paradise, valorado en 14,99 euros e dispoñible durante a primeira metade do mes; e Red Faction: Guerrilla, valorado en 19,99 euros, que poderase descargar a partir do día 16.
Temos así certa variedade, xa que o Viva Piñata é un xogo para un público familiar, que chama aos usuarios a cooperar; mentres que Red Faction: Guerrilla é un título de acción, que incluso conta con modos multixogador en liña de até 16 xogadores, que está considerado como a mellor entrega da súa franquía, sumando unha puntuación de 85 sobre 100 en Metacritic.

Viva Piñata: Trouble in Paradise chamará a xogar a toda a familia na Xbox 360

PUBLICIDADE