Anuncian os xogos que recibirán en febreiro os subscritores de Xbox LIVE

mércores, 28 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft desvelou finalmente os xogos que os subscritores de Xbox LIVE recibirán sen custo adicional durante o mes de febreiro, que son uns títulos bastante modestos nos que destacan o espírito dos estudos independentes. Por unha banda temos que os usuarios da Xbox One poderán descargar It Draws a Red Box (tamén coñecido como #IDARB), un xogo de acción bastante difícil de describir, por mesturar plataformas, hóckey, loita e party game para 8 xogadores que tanto poden participar en local como en liña.


Máis tradicional é a proposta para Xbox 360, pois durante a primeira metade de febreiro os usuarios da máis popular consola doméstica de Microsoft poderán descargar Brothers: A Tale of Two Sons, aventura épica protagonizada por dous irmáns na procura da cura para o seu moribundo pai, que deberán cooperar para solucionar quebracabezas, explorar distintos lugares e desenvolverse en combates contra xefes, coa curiosidade de que cada personaxe pode controlarse cun dos sticks analóxicos do mando da consola. Este xogo está á venda a 14,39 euros.

Sniper Elite V2 estará dispoñible para os usuarios de Xbox LIVE durante a segunda metade de febreiro


Na última metade do mes o xogo que poderá descargarse na Xbox 360 é un título máis coñecido e tradicional: Sniper Elite V2. Trátase dun xogo de disparos en terceira persoa no que controlaremos a un tirador en plena Segunda Guerra Mundial. Está valorado en 29,99 euros.

PUBLICIDADE