Anuncian un ultraportátil para cativos por só 129 £

xoves, 10 de xullo do 2008 Marcus Fernández

En febreiro anunciaban que no Reino Unido os cativos ían poder facerse co ordenador portátil de baixo custo Elonex ONE, que custaría unhas 100 libras esterlinas (126 euros) e que se comezaría a entregar en setembro. Esta iniciativa parece que foi todo un éxito (segundo parece, xa se reservaron 200.000 equipos mediante un depósito de 10 libras cada un) e xa anuncian o Elonex One T, que sería un portátil moito máis atractivo aínda que o seu prezo sería lixeiramente superior, pois partirá de 129 libras esterlinas (162,54 euros).
O One T conta cunha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, 1 Gb de disco Flash, lector de tarxetas SD, Wi-Fi, saída de VGA e 3 portos USB 2.0. Venderase en varias cores (negro, verde, rosa e branco), mide 21 x 14 x 3 centímetros, só pesa 625 gramos e a súa batería ten unha autonomía de 3 horas. Tamén lanzarán un modelo One T+ que incorporará un disco Flash de 2 Gb.
Nun principio parece que o novo modelo se diferenza do anterior na súa estética e no seu procesador (que desta volta funcionará a 400 MHz).

PUBLICIDADE