Anuncian un xogo ambientado na guerra de Iraq

martes, 7 de abril do 2009 Marcus Fernández

Konami anunciou que para 2010 lanzará un novo xogo para Xbox 360, PlayStation 3 e PC chamado Six Days in Fallujah, e que estará ambientado na guerra de Iraq, máis concretamente durante o ataque ao centro de Bagdad durante 2004, no que promete ser unha aventura moi violenta e realista.
Este xogo está a ser desenvolvido polos estudos de Atomic Games, e aínda que busquen un realismo propio dun documental (entrevistáronse con ducias de soldados, consultaron milleiros de fotografías e contan con imaxes de satélite clasificadas para que a localización real quede ben reflectida), o xogo será ficción histórica, que aproveitará unha liña de tempo concreta para ambientar a acción, o que enriquecerá a experiencia de xogo.
Six Days in Fallujah tamén busca recrear o estilo de combate dos Marines, e coidará detalles como as físicas dos edificios (que irán danándose coas balas e granadas). Pero esta orxía de destrución non fai apoloxía da guerra segundo os seus responsables, que aseguran que non intentan facer «crítica social» nin queren que «a xente se sinta incómoda», ou sexa, que só buscan crear un xogo divertido.

PUBLICIDADE