Anuncian unha consola NES de LEGO

martes, 14 de xullo do 2020 Marcus Fernández

LEGO e Nintendo están a colaborar na comercialización de figuras e escenarios de LEGO Super Mario, pero esta iniciativa está a ir moito máis aló do que moitos poderían soñar, xa que a partir do 1 de agosto estará dispoñible unha Nintendo Entertainment System de LEGO, ou sexa, unha consola NES que pode armarse con pezas de LEGO xunto cun pequeno televisor de tubo, para así poder replicar a experiencia de xogar ao Super Mario Bros. orixinal neste sorprendente kit de construción interactivo.
Esta consola NES está repleta de detalles, podendo introducirse na mesma un cartucho de xogo e conectarlle un mando, aínda que resulta máis curioso que no televisor incluído no lote poidan desprazarse escenarios do Reino Champiñón cunha manivela, cos que podemos interactuar.
Estamos ante unha xenialidade de LEGO composta por 2.646 pezas que claramente está orientada a maiores de idade, o que tamén debería deixar claro o seu prezo de 229,99 euros.

A consola de LEGO está formada por 2.646 pezas
A máquina que hai que montar reflicte fielmente moitos detalles da NES orixinal
O televisor de tubo que pode montarse con pezas de LEGO integra un nivel funcional de Super Mario Bros.

Vídeo promocional da NES de LEGO

PUBLICIDADE