Anuncian unha versión remasterizada de Diablo II

venres, 19 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

No marco da BlizzConline, Blizzar Entertainment anunciou que un dos grandes referentes dos xogos de rol de acción está de volta, Diablo II, nunha remasterización definitiva que levará por título Diablo II: Resurrected e que incluirá tamén a súa expansión Diablo II: Lord of Destruction.
Este xogo chegará ao mercado ao longo do ano con versión para PC, Xbox Series X|S, Xbox One, PlayStation 5, PlayStation 4 e Nintendo Switch, permitindo así que os seareiros da saga Diablo poidan revivir un dos seus capítulos máis memorables aproveitando o hardware actual grazas a melloras a nivel gráfico e sonoro.
O xogo non só dará un importante salto gráfico en consolas de nova xeración, senón que tamén en PC achegará gráficos até 4K, mentres que as mecánicas de xogos permanecen inalteradas e pretenden incorporar ao título un sistema de progresión cruzada, de xeito que os xogadores poderán ir gardando os seus avances con independencia da plataforma na que xoguen (para o que será preciso ter conta en Battle.net).
Ao relanzar Diablo II aproveitarase para engadir novas tempadas da xerarquía, redeseñar a súa interface de usuario e ampliar o alixo orixinal (facendo máis doada a xestión de inventario).
Os interesados en ver como será este xogo antes do seu lanzamento poden apuntarse para participar na súa versión alfa técnica.

Tráiler do anuncio de Diablo II: Resurrected

PUBLICIDADE