Apalabrados actualiza o seu dicionario de galego para facilitar o xogo

mércores, 22 de maio do 2013 Marcus Fernández

Hai 2 meses o xogo multi-plataforma Apalabrados da compañía arxentina Etermax estreaba a opción de xogar a formar palabras en galego, posibilidade recibida con moita alegría na nosa comunidade, aínda que cun atranco na xogabilidade provocada polo feito de que certas letras alleas á nosa lingua aparecen no dicionario para a súa incorporación en estranxeirismos como jazz, jeep, yin, yang ou windsurf, polo que no reparto de fichas incluíanse esas letras, dificultando considerablemente a formación de palabras, o que vén de ser corrixido hoxe mesmo.
Etermax anunciou a través de Facebook que vén de actualizar o dicionario de galego do seu popular xogo, e é de agardar que grazas a esta renovación moitos usuarios galegos dean unha nova oportunidade a este título do que pode gozarse en dispositivos con Android, iOS, Windows Phone e BlackBerry 10, así como en ordenadores persoais (a través de Facebook) e que supón unha importante achega á normalización da nosa lingua.
Cómpre lembrar que o dicionario de galego para o xogo é froito do desenvolvemento da compañía galega Cilenis, que de xeito altruísta cedeu o dicionario de galego expandido (con masculino, feminino, singular, plural e conxugacións verbais) para que hoxe podamos empregar a nosa lingua para un uso lúdico que serve para enriquecer e refrescar o noso vocabulario á vez que nos divertimos.

PUBLICIDADE