Apex Legends adáptase a móbiles

mércores, 18 de maio do 2022 Marcus Fernández

Hai un par de anos, Respawn Entertainment, responsables da franquía Titanfall, atrevéronse a competir con Fortnite en ordenadores e consolas co seu xogo Apex Legends, e na xornada de onte levaron o súa ousadía un paso máis adiante lanzando globalmente Apex Legends: Mobile en iOS e Android como un xogo de disparos de balde que enriquece a oferta de títulos battle royale en dispositivos móbiles.
Apex Legends: Mobile é un xogo ambientado no mesmo universo que Apex Legends, pero desenvolvendo as partidas en servidores independentes, ofrecendo así unha experiencia distinta, con controis, contidos, funcións sociais e modos de xogo deseñados para dispositivos móbiles, sen apostar pola multiplataforma móbil-PC-consola pola que apostan outros títulos.
Este título foi desenvolvido por Lightspeed & Quantum Studios, e leva en probas en 10 países dende o pasado 7 de marzo, polo que estamos ante un lanzamento solvente, con varios modos de xogo dispoñibles e cun modelo de negocio que basea a súa sustentabilidade nunha tenda de elementos cosméticos e en pases de batalla, como vén a ser xa habitual neste xénero de xogos.

Tráiler de lanzamento de Apex Legends: Mobile

PUBLICIDADE