Apple TV+ ofrece parte do seu catálogo de balde por tempo limitado

luns, 13 de abril do 2020 Marcus Fernández

O pasado 1 de novembro chegou o servizo de vídeo baixo demanda Apple TV+, cun catálogo extraordinariamente reducido, por limitarse unicamente a contidos orixinais, en contraste co resto de plataformas de pagamento do mesmo tipo, que combinan as súas producións exclusivas cun fondo de catálogo de terceiros, e para axudar a que o público coñeza esta oferta audiovisual de cara á súa evolución futura, e aproveitando que moitos espectadores teñen agora tempo libre en confinamento para dar unha oportunidade a nosas series televisivas, estes días Apple TV+ está a ofrecer moitas das súas series completamente de balde, ou sexa, que chega con ter un dispositivo compatible e unha conta de usuario para poder acceder a bastante material sen pasar por caixa.
As producións que podemos ver de balde en Apple TV+ estes días (entendéndose que esta promoción durará, como mínimo, até o final da crise provocada pola COVID-19) son o documental de natureza The Elephant Queen, as series de acción real Little America, Servant, Para Toda La Humanidad, Dickinson¸Helpsters e El Escritor Fantasma, e a serie animada Snoopy en el Espacio. Quedan fóra da promoción as series que se incorporarán á plataforma nos vindeiros meses, así como os títulos que conseguiron importantes premios nos últimos meses (como See e The Morning Show), aínda que boa parte destas series facilitan o acceso aos primeiros episodios de balde, como un petisco que anime aos espectadores a contratar o servizo ou a mercar algún dos produtos de Apple cos que se inclúe 1 ano de subscrición.

PUBLICIDADE