Apple presenta a súa integración do iPhone no automóbil

luns, 3 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Apple anunciou hoxe a súa nova tecnoloxía para introducir o seu iPhone no automóbil dun xeito máis intelixente, seguro e divertido, CarPlay, que facilitará a realización de chamadas, o uso de mapas, a reprodución musical e o acceso a mensaxes mediante ordes de voz ou de xeito táctil dende o propio cadro de instrumentos do vehículo, aínda polo momento serán poucos os que poidan gozar desta solución, xa que o lanzamento de CarPlay esta semana vai limitarse a uns poucos modelos de coches das marcas Ferrari, Mercedes-Benz e Volvo, aínda que máis adiante espérase que chegue a marcas como BMW, Ford, General Motors, Honda, Hyundai, Jaguar, Kia, Mitsubishi, Nissan, Citroën, Subaru, Suzuki e Toyota.
CarPlay busca axudar ao condutor a usar o seu iPhone mentres vai ao volante coa menor distracción posible, aproveitando Siri para poder acceder aos contactos, facer chamadas, devolver mensaxes perdidas ou escoitar chamadas na caixa de voz. Siri tamén pode ler en voz alta as mensaxes e notificacións recibidas no móbil, para que o condutor non teña que afastar a vista da estrada, permitindo tamén responder de volta ou ditar unha resposta textual.
Con esta tecnoloxía tamén se facilita a navegación GPS e permite aos condutores acceder á súa música, podcasts, audiolibros ou incluso a iTunes Radio (ou solucións de terceiros como Spotify), permitindo tamén empregar Siri para dar instrucións sobre o que queremos escoitar.
Apple CarPlay chegará a iOS 7 a través dunha actualización e funciona cos smartphones de Apple con conector Lightning (a partir do iPhone 5). Estará dispoñible ao longo do ano nun número limitado de vehículos.

PUBLICIDADE