Apple presenta novos MacBook Pro e Mac mini

martes, 17 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Apple renovou hoxe varios dos seus equipos informáticos actualizando o seu procesador á nova xeración de Apple Silicon, de xeito que xa coñecemos os M2 Pro e os M2 Max, que non só melloran en rendemento á xeración anterior, senón que incluso permite equiparse con até 96 GB de memoria unificada, abríndose a usos máis profesionais.
Os M2 Pro conseguen un mellorar un 20% o rendemento do M1 Pro e case dobran o rendemento dun M2, contan con 200 GB/s de largo de banda da memoria unificada (o dobre que o M2) e até 32 GB de memoria unificada de baixa latencia. Están dispoñibles con CPU de 10 ou 12 núcleos e cunha GPU de até 19 núcleos.
Os M2 Max contan cun largo de banda de 400 GB/s, soportan até 96 GB de memoria unificada de alta velocidade, a súa CPU ten 12 núcleos e a súa GPU até 38 núcleos, destacando por poder equiparse en equipos portátiles, de xeito que permiten unha combinación de grandes prestacións e mobilidade.

Novos Mac mini

A renovación dos Mac mini non se limitou a un modelo básico que pasa de ter un procesador M1 a un M2, que sería o que parte dun prezo de 719 euros, senón que agora tamén estará dispoñible un modelo con M2 Pro, conseguindo un rendemento moi superior e incluso unha maior conectividade, de xeito que pasa de ter 2 portos Thunderbolt 4 a 4 portos Thunderbolt 4, e en vez de soportar até 2 monitores simultáneos xa pode mover até 3 monitores a un tempo.
O Mac mini con M2 ten unha CPU de 8 núcleos e unha GPU de 10 núcleos, até 24 GB de memoria unificada e 100 GB/s de largo de banda, o que son unhas prestacións que poden satisfacer a usuarios ordinarios, mentres que a versión con M2 Pro conta cunha CPU de 12 núcleos, GPU de 19 núcleos, até 32 GB de memoria unificada e 200 GB/s de largo de banda, que case poderiamos considerar como unha versión compacta do Mac Studio, polo que resulta un equipo moi recomendable para profesionais da programación, o deseño gráfico ou a edición de vídeo.
Estes novos equipos tamén están equipados con Gigabit Ethernet (con opción de 10 Gbps), Wi-Fi 6E e Bluetooth 5.3.
Os Mac mini con M2 Pro parten dun prezo de 1.569 euros con 16 GB de memoria unificada, 512 GB de almacenamento, CPU de 10 núcleos, GPU de 16 núcleos e Gigabit Ethernet; podendo chegar a custar 5.249 euros se o equipamos con 32 GB de memoria unificada, 8 TB de almacenamento, CPU de 12 núcleos, GPU de 19 núcleos e 10 Gigabit Ethernet.

Novos MacBook Pro de 14 e 16 polgadas

Os MacBook Pro de 14 e 16 polgadas estrean versións con M2 Pro e M2 Max, conseguindo así un incremento importante do seu rendemento e sorprendendo por conseguir unha autonomía de até 22 horas, o que sería a maior duración de batería que conseguiu nunca un equipo de Apple.
Os MacBook Pro con M2 Pro contan con CPU de 10/12 núcleos, GPU de até 19 núcleos, até 32 GB de memoria unificada e 200 GB/s de largo de banda da memoria unificada, de xeito que mellor un 20% en rendemento fronte á anterior xeración destes equipos. En contraste, o MacBook Pro con M2 Max destaca pola súa GPU de até 38 núcleos, CPU de 12 núcleos, 400 GB/s de largo de banda de memoria unificada e até 96 GB de memoria unificada, converténdose nun equipo para usos moi profesionais como traballar con modelos 3D moi complexos ou fusionar imaxes de grande tamaño.
Estes equipos tamén incorporan Wi-Fi 6E, así como HDMI avanzado, que admite monitores con resolución 8K de até 60 Hz e 4K de até 240 Hz. Tamén contan con 3 portos Thunderbolt 4, lector de tarxetas SDXC e carga mediante MagSafe 3.
Os MacBook Pro de 14 polgadas con M2 Pro parte dun prezo de 2.449 euros con 16 GB de memoria unificada e 512 GB de almacenamento, subindo até 3.049 euros con pantalla de 16 polgadas. Con procesador M2 Max e pantalla de 14 polgadas parte de 3.749 euros con 32 GB de memoria unificada e 1 TB de almacenamento, subindo até os 4.199 euros con pantalla de 16 polgadas. Este último equipo podería equiparse con 96 GB de memoria unificada e 8 TB de almacenamento, elevando o seu prezo até 7.649 euros.

Vídeo de presentación dos novos equipos de Apple

PUBLICIDADE