Apple renova as súas tabletas e estrea pantalla Retina no iMac

xoves, 16 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A keynote de Apple na que presentouse o iPhone 6 tivo a pasada tarde a súa segunda parte, un evento de menores dimensións destinado a lanzar o software que quedaba pendente e para presentar a renovación de varios produtos, que puido seguirse a través de streaming sen incidencias como na anterior ocasión, completando a oferta de Apple de cara á campaña de Nadal.

Chega a continuidade

Deste xeito o evento de hoxe serviu para que o OS X Yosemite puidese celebrar a súa estrea, e como a principal novidade do sistema operativo dos ordenadores persoais de Apple é a súa grande integración cos dispositivos móbiles da compañía da mazá, anunciouse que tamén poderá descargarse xa o iOS 8.1, de xeito que os que actualicen ambos sistemas poderán gozar das funcións de continuidade que permiten que, por exemplo, podamos responder unha chamada de teléfono recibida polo iPhone dende un iPad ou dende un Mac.

Durante a presentación probaron a facer unha chamada telefónica a través dun Mac

Tamén será posible saltar de dispositivo mentres se empregan as aplicacións de Mail, Safari, Pages, Numbers, Keynote, Mapas, Mensajes, Recordatorios, Calendario e Contactos (ás que se sumarán moitas outras, xa que esta funcionalidade está aberta aos desenvolvedores). Deste xeito poderemos comezar a editar unha folla de cálculo no móbil e, cando nos sentemos diante do ordenador, continuaremos traballando coa mesma ao momento, así como tamén podemos estar a navegar por unha páxina web no ordenador e continuar a ver tal páxina dende o iPad, de xeito que ter que deixar o escritorio non suporá abandonar as nosas tarefas en curso.

O iPad Air 2, máis lixeiro que nunca

As novidades de hardware non foron ningunha sorpresa, de xeito que practicamente todo o filtrado nas últimas semanas confirmouse, e veu así a luz o iPad Air 2, que continúa a presentar unha pantalla Retina de 9,7 polgadas que mellorou a viveza de cores e o contraste, incrementou a potencial do seu procesador un 40%, optimizou a súa autonomía para permitir o seu funcionamento até 10 horas seguidas, mellorou a conectividade sen fíos adoptando o estándar Wi-FI AC (con dobre banda), integrou o lector de pegadas dixitais Touch ID e mellorou a súa cámara traseira (agora cun sensor de 8 Mpíxeles e funcións de time-lapse, cámara lenta a 120 cadros por segundo e a posibilidade de disparar varias imaxes a refoladas), aínda que o cambio máis notable para moitos será o feito de que o dispositivos conseguiu adelgazar até un grosor de 6,1 milímetros e reducir o peso a 437 gramos, de xeito que o novo iPad é máis Air que nunca.
Como era de agardar, a nova tableta venderase na mesma combinación de cores que o iPhone 6 (prata, ouro e gris espacial) partindo dun prezo de 489 euros para o modelo de 16 Gb e incrementando o seu prezo en chanzos de 100 euros para os modelos de 64 e 128 Gb, mentres que o feito de adquirir a tableta con banda larga móbil incrementa o prezo en 120 euros, de xeito que o modelo máis caro sería o iPad Air 2 de 128 Gb con LTE a un prezo de 809 euros.

O iPad mini tamén quere Touch ID

O iPad mini tamén se renovou, e agora temos o iPad mini 3, que vén a ser unha renovación parcial como xa acontecera co que poderiamos chamar iPad 4, xa que estariamos ante un iPad mini 2 que agora está dispoñible en tres cores (prata, outro e gris espacial) e integra o sensor Touch ID. Polo demais conserva as mesmas características que a súa versión anterior, polo que podemos velo como un simple cambio para facer uniforme a oferta de produtos móbiles de Apple. Os seus prezos seguen a mesma estrutura que o iPad Air 2, pero 100 euros máis baratos.

O iMac estrea pantalla con alta densidade de píxeles

Para os profesionais da edición de vídeo e a fotografía é moi importante que a pantalla coa que traballan teña un elevado nivel de detalle, demanda que Apple decidiu atender estreando un novo iMac que inclúe o que chaman pantalla Retina 5K, que vén a ser unha pantalla IPS de 27 polgadas cunha resolución de 5.128 x 2.880 píxeles, o que supón multiplicar por 4 o número de píxeles con respecto á xeración anterior destes equipos.
O novo iMac con pantalla Retina 5K tamén pode configurarse até cun procesador Intel Core i7 de 4 GHz, até 32 Gb de RAM, cunha nova gráfica de AMD (até unha Radeon R9 M295X con 4 Gb de memoria GDDR5), Fusion Drive avanzado (de até 3 Tb), Thunderbolt 2, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, teclado e rato sen fíos, que parece o soño de moitos profesionais, pero que ten unha grande barreira de entrada: o seu prezo. Este novo equipo parte dos 2.629 euros para o seu modelo con procesador Intel Core i5 a 3,5 GHz, 8 Gb de RAM, Fusion Drive de 1 Tb e Radeon R9 M290X de 2 Gb, mentres que o modelo máis avanzado chegaría aos 4.529 euros.

Mac mini máis económicos

Pero non todo foron sustos para o peto, pois como tamén fixo hai pouco cos MacBook Air, Apple decidiu reducir a barreira de entrada para os seus ordenadores domésticos, e agora contará cun Mac mini menos potente que os actuais, pero conseguindo que o modelo máis económico, cun procesador Intel Core i5 de dobre núcleo a 1,4 GHz, 4 Gb de RAM, disco duro de 500 Gb de gráfica Intel HD 5000, estea dispoñible por 499 euros, quedando por debaixo da barreira psicolóxica dos 500 euros, mentres que o modelo anterior custaba 619 euros. Confírmase así a intención de Apple de chegar cada vez a un maior público.

PUBLICIDADE