Apple sorprende cun novo dispositivo: o iPhone

mércores, 10 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Steve Jobs presentando o iPhone

Adiviña, adiviñanza: un aparello máis fino có iPod, cunha gran pantalla para visualizar vídeo e televisión, con cámara dixital, capacidade de ordenador portátil e con teléfono incorporado. De que se trata? Pois estamos a falar do iPphone, o novo dispositivo de Apple que reúne (segundo Apple, claro) o mellor dun reprodutor multimedia, un móbil e un computador portátil na palma da man.
A verdade é que semella que Steve Jobs vén deixar ós internautas (unha vez máis) coa boca aberta, mesmo xa antes de presentar no relatorio MacWorld este gadget que de seguro vai revolucionar o sector nos vindeiros anos.
O aparello en cuestión funciona co sistema operativo Mac OS X, conta cunha interface táctil que se pode manexar cos dedos sen que sexa precisa a mediación dun lapis e permite pulsacións en máis dun punto á vez. Incorpora unha gran pantalla táctil de 3,5 polgadas cunha resolución de 160 píxeles e conta na parte traseira cunha cámara de 2 megapíxeles.
O teléfono é GSM e dispón de conexións Wi-Fi e Bluetooth, así como de acceso a Internet mediante un navegador Safari co que se lle pode sacar ben punta a utilidades comúns da web, así como instalar diversos widgets e como non, usar o correo electrónico.
O seu sensor de proximidade permite que se apague a pantalla e a música cando se achega á orella para activar o teléfono e tamén detecta de xeito automático se se usa en horizontal ou vertical. Asemade, incorpora un sensor de luz do ambiente que permite diminuír ou aumentar o brillo para un menor consumo de enerxía. En resumo, un mundo de posibilidades na palma da man (nunca mellor dito) e que chegará a Europa a finais de ano.

PUBLICIDADE