Apple vende cargadores sen fíos para múltiples dispositivos

venres, 9 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Semella que Apple ten superado o loito tras a morte do seu cargador sen fíos AirPower, e está a incorporar á súa tenda oficial un par de produtos de Mophie que venden en exclusiva e que buscarían atender a demanda de cargadores sen fíos por parte de usuarios de produtos de Apple.
Un dos produtos máis interesantes dos que veñen de pór á venda é a base de carga sen fíos dual de Mophie, que ten un prezo de 109,95 euros e permite cargar até dos dous dispositivos sen fíos (que poderían ser tanto 2 iPhone como un iPhone e uns AirPods nun estoxo de carga sen fíos) achegando até 7,5 watts de xeito estable. Este cargador tamén inclúe un porto USB-A, que pode aproveitase para, por exemplo, cargar simultaneamente un Apple Watch.
Pero o produto que realmente ten máis semellanzas co malogrado AirPower sería a base de carga sen fíos 3 en 1 de Mophie, pensada para cargar simultaneamente un iPhone, un estoxo sen fíos de auriculares AirPods e un Apple Watch, de xeito que os fieis usuarios dos produtos da marca da mazá poden ter os seus trebellos de uso diario comodamente cargados. Este cargador en unha zona destinada ao iPhone e outra para os accesorios de menor potencia, de xeito que o iPhone pode recibir até 7,5 watts de carga (conseguindo unha velocidade de recarga bastante rápida). Este interesante cargador ten un prezo de 149,95 euros, e podería considerase como o herdeiro do AirPower, aínda que careza de todas as funcións intelixentes que pretendía introducir Apple no seu cargador.

PUBLICIDADE