Archive.org conserva unha boa colección de software de Commodore Amiga

luns, 8 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos anos o Internet Archive está a esforzarse non só para conservar páxinas web para a súa consulta futura, senón tamén multitude de software, que vai dende centos de aplicacións para Windows 3.1 até xogos de máquina recreativa ou de MS-DOS, que poden reproducirse vía web grazas a novas versións de navegadores adaptados ás modernas tecnoloxías web, aos que este mes únese unha nova biblioteca de software con aplicacións e xogos dos ordenadores persoais Commodore Amiga, que marcaran época a finais dos 80 e primeiros dos 90, e que agora poden recuperarse completamente de balde.
Os contidos de Amiga están divididos en distintas categorías, de xeito que podemos atopar demostracións, aplicacións, discos de música e, como non, xogos, sendo esta última opción unha das máis interesantes, xa que o principal uso que recibían os Amiga na meirande parte dos fogares eran precisamente para o lecer.
Así, en Archive.org temos agora 1.351 xogos para Commodore Amiga, que podemos executar vía web, e que xunta dende clásicos multiplataforma como Bubble Bobble, Space Ace, Arkanoid, Double Dragon e Budokan, até moitos outros xogos que naceron na máquina de Commodore, como Emerald Mine.
Grazas a esta tarefa de conservación o software de Amiga manterase vivo e accesible, o que pode resultar de grande interese tanto para fins de investigación ou educativos, como para o lecer de moitos nostálxicos.

O xogo baseado no filme de Batman de 1989 é un bo exemplo dos títulos dispoñibles para Commodore Amiga en Archive.org

PUBLICIDADE