Archos leva Android a un receptor de radio e un teléfono DECT

venres, 24 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O sistema operativo Android non serve só para facer funcionar teléfonos móbiles e tablets, senón que tamén pode aproveitarse noutros dispositivos como os Archos 35 Home Connect e o Archos 35 Smart Home, unha radio e un teléfono sen fíos respectivamente.
O receptor de radio Archos 35 Home Connect non é unha radio FM tradicional, senón que funciona con Android 2.2, ten 4 Gb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 16 Gb, Wi-Fi N, pantalla táctil de 3,5 polgadas e 2 altofalantes integrados, podendo reproducir vídeo e música nos formatos máis habituais, aínda que as súas principais funcións serían as aplicacións de reloxo con alarma, predición meteorolóxica, correo electrónico, navegador web e, especialmente TuneIn, unha aplicación de radio vía web, que permite recibir milleiros de emisoras de todo o mundo. Tamén conta cunha cámara frontal que facilita oseu uso para videochamadas ou para operar como sistema de vixilancia de bebés.
Pola súa banda, o Archos 35 Smart Home Phone sería a translación dos móbiles con Android á telefonía fixa, pois estamos ante un teléfono con pantalla táctil de 3,5 polgadas, acceso á Internet, cámara de alta definición capaz de gravar vídeo a 720p ou realizar videoconferencias en alta definición, facer uso de aplicacións para Android como xogos e utilidades e realizar chamadas de voz, en vez de a través dunha rede GSM/3G, utilizando a nosa liña fixa comunicándose sen fíos a unha base DECT.

PUBLICIDADE