Ardán pon en descarga a base de datos coas 20.000 maiores firmas galegas

xoves, 18 de febreiro do 2016 Redacción

O Consorcio da Zona Franca, a través do seu sistema de información empresarial (Ardán) vén de pór na Rede, a disposición dos seus usuarios, a base de datos descargábel (o Informe Ardán) que abrangue a relación das 20.000 empresas galegas de meirande facturación en 2014. A base de datos, que é de pago, será o alicerce os vindeiros meses do Informe Económico e de Competitividade de Galicia (investigación que se poderá conseguir de balde e que vén da man de Ardán e a Universidade de Vigo). En setembro editaranse en papel ambas as seccións (base de datos e informe económico). Segundo o Consorcio, o libro resultante será, como as anteriores edicións, “un referente no estudo e análise da economía de Galicia”.
A entidade viguesa engade que base de datos posta esta semana en descarga pódense obter datos totalmente exportábeis a Excel, “o que permite traballar con eles en calquera computador e realizar múltiples filtros por nome de empresa, económicos, sectoriais, xeográficos, etc”. A base tamén permite a selección de listaxes ou fichas de empresa nun formato descargábel con software para a contorna Windows. Nos datos que se proporcionan de cada empresa tamén se fai constar se ten algún dos indicadores Ardán de mellores prácticas (alto rendemento, alta produtividade, xeradora de riqueza, ben xestionada, internacionalizada, empresa innovadora) e outros indicadores (auditada, certificación de calidade, certificación ambiental, exportadora).

PUBLICIDADE