Argalleiros das nosas catro provincias participaron no Arduino Day de Makers Lugo

martes, 4 de abril do 2017 Redacción

Este sábado 1 de abril, o edificio CEI-Nodus de Lugo acolleu finalmente a cuarta edición do evento Arduino Day, organizado por Makers Lugo e coa colaboración do CEI-Nodus e máis do Concello. Foi como era de agardar, unha xuntanza moi concorrida e moi interxeracional (houbo xente de todas as idades, dende argalleiros veteranos a desenvolvedores de cursos de infantil e primaria) directamente encamiñada a “facer” tecnoloxías. E todo botando man de recursos libres e cen por cen dispoñíbeis para calquera argalleira/o en potencia e demostrando, unha vez máis, que todas e todos levamos un creador tecnolóxico dentro tentando abrollar á mínima oportunidade.
Este alicerce democrático e integrador foi a lema da xuntanza, un auténtico referente galego e estatal do movemento Maker (o movemento do “faino ti mesmo”, un chamamento integral a prol de tirar abaixo canto atranco poida haber entre as persoas e a súas propias capacidades de crear, inventar e desenvolver tecnoloxía) e da divulgación arredor de Arduino, a plataforma de prototipos de electrónica open source. A cita desenvolveuse no segundo andar do CEI-Nodus e contou coa presenza activa de makers de todos os recantos da nosa terra (aínda que principalmente de Lugo, Santiago, A Coruña e Ourense). Por exemplo os membros de BricoLabs, Recuncho Maker ou Pontemaker.
A cuestión Arduino
O Arduino Day, como o seu propio nome indica, serviu tamén para conmemorar dende a nosa terra o Día Internacional de Arduino 2017 (xunto con preto de medio milleiro de eventos desenvolvidos de maneira paralela e complementaria a nivel mundial). Esta tecnoloxía, segundo lembraron dende o CEI-Nodus os responsábeis de Makers Lugo, é unha plataforma de hardware libre deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos que integren elementos electrónicos. A tecnoloxía foi creada hai máis dunha década no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea. Buscábase unha ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Nos últimos anos, Arduino estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento Maker.
Makers Lugo
A asociación makers.lugo é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, que forma parte do movemento Maker. Ten como obxectivo contribuír na construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Segundo explica a asociación, o movemento Maker é a cultura de fágao vostede mesmo, Do it Yourself en inglés. O termo Maker, engaden, é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros do open source de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.

PUBLICIDADE