Arteixo Telecom organiza unhas xornadas sobre defensa e ciberseguridade

xoves, 16 de xaneiro do 2020 Redacción

A industria tecnolóxica galega continúa medrando grazas á incorporación de empresas a novos mercados como é o caso de Arteixo Telecom que apostou pola ciberseguridad e a defensa, de aí que hoxe e mañá estea a acoller na súa sede nas Pontes unhas xornadas baixo o título Tecnoloxías e solucións para defensa e seguridade.
O encontro botou a andar ás nove da mañá, coa intervención do presidente de Arteixo Telecom, Rafael Valcarce Baiget, a quen acompañou Illil Podliszewski Lavi, presidenta de Be1, empresa israelí de coordinación de tecnoloxías e empresas, quen potencia a industrialización das tecnoloxías que posteriormente fabricará Arteixo Telecom.

Rafael Valcarce Baiget, presidente de Arteixo Telecom (primeiro pola dereita), e Illil Podliszewski Lavi, presidenta de Be1, abriron as xornadas esta mañá

Durante os dous días desenvólvense presentacións de tecnoloxías e solucións para defensa e seguridade a cargo das principais empresas especializadas en ciberseguridade de Israel. En concreto: Elbit Systems, Spire Cyber Division, Terafance, LightGuard, CTI e Be1
Haberá un relatorio sobre Tecnoloxía de análise de vídeo baseada en intelixencia artificial. Presentarase a tecnoloxía como «a única solución para a industria do transporte». Durante a presentación realizarase unha demostración práctica.

Rafael Valcarce, presidente de Arteixo Telecom

Tamén, disertarase sobre Tecnoloxía Flash Cegador, pulseira antihackeo e solucións IoT. A primeira é unha tecnoloxía para protección táctica non letal para neutralizar delincuentes ou terroristas en situacións de alto risco. A pulseira anti-hackeo está deseñada para a protección de coches, portas e caixas fortes intelixentes. A terceira tecnoloxía permite a protección total ante a manipulación e hackeo de dispositivos IoT. Outra das intervencións centrarase na Intelixencia baseada na acústica.
Finalmente, presentaranse solucións de última xeración en ciberseguridade para o sector empresarial e bancario.
Os relatores son especialistas en ciberseguridade. Foron responsables das forzas de Defensa de Israel, membros do gabinete do Primeiro ministro de Israel, ou exdirector de Ciberseguridade en Leumi, maior banco de Israel.
Acoden ás xornadas representantes de empresas galegas.

Illil Podliszewski Lavi, presidenta de Be1
As xornadas contan cunha nutrida selección de relatores

PUBLICIDADE