As Aulas Newton Móbiles rematan a súa instalación na Horta do Seminario de Lugo

venres, 18 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

As Aulas Newton Móbiles impulsadas pola Fundación First Escandinavia e Boeing Europea xa están instaladas ao cen por cen na Horta do Seminario de Lugo, a primeira localidade europea onde se poñen en marcha estes espazos itinerantes de divulgación e formación STEM para o alumnado do secundaria. Segundo fixo saber a alcaldesa, Lara Méndez, a iniciativa “brindará á mocidade boas experiencias de aprendizaxe para incentivar o seu coñecemento cara ás profesións relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas”. A rexedora tamén lembrou que as aulas estarán na Horta do Seminario do 22 de outubro ao 10 de novembro. A previsión é recibir medio milleiro de estudantes dos colexios lucenses. Tamén estarán abertas ao público en xeral. O Concello colabora de maneira activa na iniciativa.
Lara Méndez explicou onte que “para nós é fundamental ir sempre da man da comunidade educativa, colexios, institutos e universidade, tanto na formación como nos grandes proxectos de cidade para xerar economía e crear as condicións idóneas para reter ese talento que estamos a fomentar no noso municipio”. E engadiu: “A nosa principal riqueza non se basea só no territorio, as materias primas ou o capital senón no talento colectivo e individual, de aí a implicación do Goberno local coa Fundación First Escandinavia e Boeing Europa”.
Como dixemos, o municipio de Lugo é o primeiro destino europeo onde se instalarán as Aulas Newton Móbiles, destinadas á formación do alumnado de secundaria da provincia cara ás profesións relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (estudos STEM polas súas siglas en inglés).
Segundo engadiu Méndez, as Aulas Newton son espazos educativos STEM de alta calidade de 70 metros cadrados, abertos aos centros educativos e, tamén, ao público en xeral as fins de semana e os días festivos. Ao abeiro do programa de actividades, o módulo das aulas que chega a Lugo, chamado Voamos cos números, fará descubrir “dun xeito práctico e ameno” os conceptos matemáticos na planificación e implementación dos voos e participar nos simuladores, explicou, engadindo que as salas de Novas Tecnoloxías do Concello de Lugo acollerán a formación dos profesores, clases que comezaron este luns 14.
Despois da cidade lucense, as aulas viaxarán a Polonia, Países Baixos, Alemaña, Francia, Italia, Bélxica, Reino Unido e Suecia.

PUBLICIDADE