As HoloLens 2 supoñen un grande salto para a realidade mixta

luns, 25 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Non só smartphones e outras tecnoloxías móbiles poden verse no Mobile World Congress de Barcelona, senón que certas tecnoloxías de futuro tamén aproveitan o escenario para presentarse ao mundo e, moi especialmente, á industria, e así temos que Microsoft realizou un evento de prensa no que deron a coñecer varios servizos de computación asociados á realidade mixta e á intelixencia artificial a través da nube que están fortemente ligados a un novo produto, as HoloLens 2.
As primeiras HoloLens chegaron en 2016, avanzando paseniño en laboratorios de I+D como unha interesante solución para engadir información á realidade, principalmente en contornos industriais, e nesta liña chega o seu casco de realidade mixta sucesor, que avanzan en inmersión, comodidade e efectividade da inmersión.
No relativo á inmersión, o novo casco consegue hologramas máis brillantes e realistas, dobrando o campo de visión fronte ao anterior modelo e ofrecendo unha densidade holográfica de 47 píxeles por grao de visión. A interacción pode realizarse agora directamente con xestos táctiles, mellorando a manipulación directa de hologramas e incluso integrando tecnoloxía se seguimento de mirada para unha interacción máis natural. Tamén incorpora recoñecemento de iris para a identificación de múltiples usuarios dun xeito rápido e seguro.
A nivel de comodidade, o novo casco consegue un centro de gravidade máis equilibrado, utiliza un material de fibra de carbono máis lixeiro e tamén conta cun novo mecanismo para colocar o dispositivo sen ter que reaxustalo. Con outras novidades consegue que utilizar o casco durante varias horas sexa moito máis confortable.
Grazas ás aplicacións de Realidade Mixta de Microsoft como Dynamics 365 Remote Assist, Dynamics 365 Layout e as novas aplicacións de Dynamics 365 Guides (aplicación que permite que os empregados aprendan mentres traballan) facilítase a xeración de valor dun xeito máis rápido, que xunto a un ecosistema de partners e servizos de Azure conseguen que o uso da realidade mixta sexa cada vez máis accesible.
As HoloLens 2 estarán dispoñibles este ano a un prezo de 3.500 dólares, comezando a súa comercialización por EE.UU., Xapón, China, Alemaña, Canadá, Reino Unido, Irlanda, Francia, Australia e Nova Zelandia. Tamén estará dispoñible un programa de personalización das HoloLens, que fai posible, por exemplo, o Trimble XR 10, un novo casco de seguridade no que poden equiparse as HoloLens 2 para poder acceder a información holográfica dende postos de traballo onde o casco é preciso.

Vídeo de presentación das HoloLens 2

PUBLICIDADE