As JAI aprazan para 2021 unha nova edición con grandes novidades dixitais

luns, 25 de maio do 2020 Sonia Pena

As Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial da Universidade de Vigo, un dos grandes referentes galegos en materia de Industria 4.0, tendendo pontes firmes de transferencia e emprego entre os campus e as empresas, non poderán realizarse este ano por mor das actuais circunstancias sanitarias e ante “a falta de garantías de que poidan celebrarse con normalidade”. Así, tomouse a decisión de adialas para 2021. Así o comunicou o comité organizador das xornadas JAI a semana pasada, comité no que se atopa o gran impulsor do histórico evento, José Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática.
Segundo fai saber, malia que se trata dunhas xornadas que os organizadores planifican con moita antelación, “o verdadeiro esforzo realízase nos últimos catro meses, por iso pensamos que agora era o mellor momento para decidir se continuar adiante ou non”.
Para a organización, está claro que non é posíbel desbotar novos brotes da COVID-19 a partir de setembro, “o que repercutiría en limitacións de aforo na escola ou provocaría incluso o peche dos centros educativos”. Por estes motivos consideran que ser prudentes e pospor o evento é a mellor opción. A día de hoxe as novas datas de celebración están aínda por decidir, “pero creo que nos decantaremos por algunha semana do segundo semestre de 2021 como punto de partida”, engade Armesto.
Xemelgo dixital
Na programación de actividades para esta edición estaban previstas múltiples conferencias sobre robótica, automatización, Internet das Cousas (IoT), comunicación industrial, seguridade, eficiencia enerxética... Así como tamén o coñecido show room, un espazo no que os diferentes fabricantes expoñen os seus novos inventos e, como principal novidade, as denominadas link2talk, reunións privadas nas que estaba previsto que as persoas interesadas nalgunha das conferencias tivesen a oportunidade de afondar no tema co propio relator nun encontro xa máis reducido.
Ante o cambio de plans, desde a organización valoran a posibilidade de sumar a devandito a creación dunha réplica dixital das xornadas que permita que se convertan nun “evento internacional, pioneiro e de referencia no sector para todo o mundo de fala hispana”. As dimensións das JAI, di Armest, non terían límites no mundo dixital.
A idea é implantar un xemelgo da propia escola no que replicar dixitalmente tanto as actividades desenvolvidas no salón de actos como as que se levan a cabo na entrada principal. Deste xeito, en colaboración coa empresa Teltek e UVigoTV fixeron unha proba de concepto funcional que xa lles presentaron ás firmas participantes, que coincidiron na “grande oportunidade que suporía este novo sistema de difusión”.
No que atinxe ás firmas participantes, estímase que todas elas manterán o seu compromiso coas xornadas, non só as que tiñan previsto incorporarse nesta edición (HMS Networks, Ifm, Lapp, Panasonic, Pepperl+Fuchs, Schunk, Weidmüller ou Yaskawa, entre outras), senón tamén, por suposto, as veteranas do evento, entre as que se contan Rockwell Automation, Scheneider Electric, Siemens ou Phoenix Contact.

PUBLICIDADE