As Pontes ferveu de espírito Maker da man dos novos Amigus Labs

luns, 25 de setembro do 2017 Redacción

Finalmente a vertente máis creativa das tecnoloxías, e tamén a vertente máis tecnolóxica da creatividade, foron as protagonistas do novo laboratorio convocado nas Pontes pola asociación Amigus, ao abeiro das súas actividades Amigus Labs. A cita do pasado sábado 23 de setembro, que foi de balde, desenvolveuse no Mercado Vello a xeito de obradoiro Maker no que interactuou e colaborou xente de todas as idades, facéndose especial fincapé en atraer aos máis pequenos de cada casa.
En canto á temática, dicir que foi ben variada: drones, realidade virtual, obradoiros sobre robótica, programación, impresión 3D, radio control videoxogos, equipos de fabricación de kits electrónicos, imaxe e son estiveron presentes nesta exposición, amais da opción de pilotar vehículos aéreos non tripulados ou de viaxar a mundos virtuais. Asemade, achegouse un recanto onde se exhibiron algunhas creacións materializadas ao longo dos últimos anos ao abeiro de Amigus Labs.
Nun plano máis detallado, traballouse nos seguintes: fabricación dixital (exposición de máquinas de fabricación dixital; isto é, impresoras 3D, CNC, fresadoras e exemplos de ferramentas construídas en Amigus Labs e materiais empregados); xogos retro (máquinas recreativas feitas por usuarios dos obradoiros deseñadas e programadas in situ); Minecraft (o senlleiro xogo de Minecraft, hackeado vía Scratch, co que as crianzas puideron xerar cadanseu mundo virtual e manipulalo vía programación); drones e radio control (exposición de drones e vehículos teledirixidos, incluíndo simuladores de voo para que os asistentes tiveran ocasión de aprender a manexar vehículos aéreos non tripulados); laboratorio sonoro (oportunidade para introducirnos nas novas tecnoloxías aplicadas á creación musical), Escornabots (introdución teórico-práctica ao proxecto Escornabot: robot educativo aberto para iniciar aos nenos e nenas máis pequenos no eido da robótica e da programación); robótica Lego (construción, programación e control de robots Lego ensamblados in situ); experimentos Arduino (amosando diferentes proxectos creados con Arduino, a placa libre de creación tecnolóxica e robótica); e unha achega en primeira persoa á realidade virtual.
Este encontro do que estamos a falar levouse a cabo grazas ao apoio da Asociación Informática Amigus, de Amigus Labs, Merca Nas Pontes, o Concello das Pontes, a OMIX local, a Concellería de Cultura, COHEMPO, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital ou Triade, entre outras entidades.
Pechamos a nova anunciando que Amigus Labs xa están a traballar noutro evento (o sábado 14 de outubro) sobre a Industria 4.0.

PUBLICIDADE