As bibliotecas da Coruña combaterán o illamento da cidadanía durante a pandemia con cursos TIC

xoves, 22 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

de/novas/nova/as-bibliotecas-municipais-ofrecen-cursos-de-inclusion-dixital-para-superar-o-illamento-neste-tempo/suceso/1453744892994">Bibliotecas Municipais da Coruña puxeron en marcha un novo programa de formación TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) dirixido especialmente a aquelas persoas que sofren “en maior medida as restricións e limitacións sociais establecidas para superar a crise sanitaria”, impedíndolles acceder aos recursos e aos coñecementos precisos para utilizar os medios dixitais.
O obxectivo é facilitar ao máximo o acceso a este tipo de ferramentas, agora que se puxo de manifesto que son a única alternativa a todo tipo de procesos que antes podían levarse a cabo de xeito presencial, procesos relacionados coa comunicación, coa información e cola colaboración. O deseño da formación vén marcado polos condicionamentos e restricións sociais que impón a pandemia da COVID-19.
Ao abeiro deste compromiso contra a fenda dixital, as bibliotecas planificaron cursos presenciais de distinta duración para ensinar, entre outros moitos contidos, a realizar videochamadas, sacar todo o proveito a WhatsApp, coñecer as redes sociais máis populares ou utilizar Youtube como ferramenta de aprendizaxe. En termos máis concretos, a maior parte das sesións de capacitación faranse sobre o alicerce dos teléfonos móbiles do alumnado debido á universalización do seu uso.
As bibliotecas explicaron que a formación “non é puramente instrumental senón que vén acompañada dunha serie de consellos para evitar as noticias falsas ou fake news, facer un uso ético da información ou recomendacións para relacionarse no mundo dixital e a súa nova linguaxe”.
Apoiarase tamén na fórmula da “atención tecnolóxica”, onde “unha persoa experta en cada unha das bibliotecas da rede atende de maneira individual e persoal a calquera persoa usuaria que teña dúbidas ou problemas no ámbito dixital, a configuración de dispositivos ou a realización de trámites en liña”.
O calendario formativo, así como toda a información sobre a atención tecnolóxica está dispoñíbel na web de bibliotecas.

PUBLICIDADE