As boas vendas da Nintendo Switch levan a que dobre a súa produción a partires do mes que vén

venres, 17 de marzo do 2017 Marcus Fernández

As vendas da Nintendo Switch están a ser moito mellores do esperado, converténdose na consola doméstica con mellor lanzamento na historia de España e con problemas para atender a demanda nalgunhas grandes cadeas de distribución (como GameStop, que quedou sen unidades e non porá máis consolas á venda até o 22 de marzo) de aí que non sorprenda a información publicada por The Wall Street Journal, xornal económico que asegura que a compañía nipoa decidiu dobrar a produción da súa consola.
Deste xeito, tras vender máis de millón e medio de consolas Nintendo Switch nos primeiros tres días, chegou o momento de planificar o resto do ano, e Nintendo decidiu que a partires do 1 de abril dobrarán o volume de produción para así poder acadar o seu novo obxectivo de vendas, que xa non será de 8 millóns de consolas para este ano fiscal, senón que confían en poder fabricar e vender 16 millóns de consolas.
Dende Nintendo contan con poder manter o pulo da Switch grazas a dosificar os lanzamentos dos seus xogos, sendo conscientes de que en novembro e decembro será cando a nova máquina teñan que dar o mellor de si para convencer ao público a lanzarse a por ela no Black Friday e durante a campaña de Nadal, xa que para finais de ano tamén haberá un grande incentivo para mercar a Nintendo Switch: un novo xogo de Mario creado especificamente para a nova consola (e non unha simple conversión como o Mario Kart 8 Deluxe (actualización do Mario Kart 8 de Wii U que chegará a Switch o 28 de abril).

PUBLICIDADE