As capacidades da HPC para predicir riscos relacionados coa auga, polo miúdo en outubro

xoves, 18 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Xa metidos na cerna do outono, os días 16 e 17 de outubro, imos ter unha cita coa computación de alto rendemento (High Performance Computing, HPC) e as súas potencialidades para a creación de modelos numéricos na simulación de fluídos. Estamos a falar das xornadas HPC for Geophysical Fluíde Dynamics 2019, que se celebran no Campus de Ourense (Universidade de Vigo), máis polo miúdo na aula Marie Curie do Edificio Politécnico da Facultade de Ciencias. As xornadas veñen da man de EPhysLab, o Campus da Aula, a UVigo (Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo), o Centro de Investigación Mariña, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), ICTS e a Rede Española de Supercomputación.
Segundo informan as entidades organizadoras sobre a orixe e o propósito do evento, o modelado numérico é “unha ferramenta fundamental para a xestión de recursos e a prevención de riscos relacionados coa auga”. Por exemplo, para mellorar o comportamento dos sistemas de protección costeira ante temporais cada vez máis frecuentes e con maior intensidade (debido ao cambio climático) ou, tamén, para desenvolver mapas de risco ante asolagamentos provocados por períodos intensos de choiva.
Este modelado numérico e este labor de simulación require de grandes dominios con alta resolución, o que implica “un elevado custe computacional”. Aí entran en xogo as tecnoloxías HPC, que poñen un extra de eficiencia no devandito: permiten aproveitar os recursos xa existentes nos nosos centros de supercomputación, é o caso do CESGA de Santiago, un referente na aplicación de técnicas de cálculo avanzado e de alto rendemento.
Durante estas xornadas van presentar os últimos avances no desenvolvemento dos modelos numéricos IBER, IHFoam e DualSPHysics, así como aplicacións que só se poden estudar grazas ao uso de HPC. Os asistentes terán a oportunidade de escoitar os relatorios de expertos no modelado numérico e HPC, así como aos propios desenvolvedores destes modelos.
O equipo de organización inclúe expertos de diferentes países que usan computación de alto rendemento en investigacións de excelencia.

PUBLICIDADE