As consolas PlayStation gozarán dun novo xogo de Dragon Quest

luns, 1 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Esta mañá Sony realizou unha rolda de prensa para o público xaponés, que pechou cun importante anuncio: a PlayStation 4 terá un novo xogo da franquía Dragon Quest que levaba unha década afastada da marca PlayStation. De todos os xeitos, Dragon Quest Heroes non será un xogo habitual da saga de Sqare Enix, senón que estariamos ante un título desenvolvido por Omega Force que, en vez de optar pola fórmula do RPG xaponés, adoptará o xénero mosou, ou sexa, que será semellante aos títulos da saga Dinasty Warrior, do mesmo xeito que acontece con Hyrule Warriors (xogo que supón a estrea dos personaxes de The Legend of Zelda en tal xénero de xogos de loita/combate). Este novo título tamén terá versión para PlayStation 3, mentres que a PlayStation 4 tamén gozará dunha versión da consola personalizada co gallo do lanzamento deste xogo.
Polo momento non se sabe se este xogo chegará a Europa, o que posiblemente estea supeditado ao éxito que teña Hyrule Warriors no noso territorio, pois o xénero musou non callou entre o público occidental, estando considerado como un tipo de xogo de nicho que en moitos casos limita a súa distribución a formatos descargables (e sen localizar ao español).
O último Dragon Quest do que gozaran as consolas PlayStation fora Dragon Quest 8, lanzado en 2004, mentres que as súas dúas seguintes entregas limitáronse a máquinas de Nintendo.


Trailer do xogo presentado esta mesma mañá

Imaxe da versión especial da PlayStation 4 que sairá co gallo do lanzamento de Dragon Quest Heroes

PUBLICIDADE