As lámpadas Philips Hue poden sincronizarse coa música de Spotify

mércores, 1 de setembro do 2021 Marcus Fernández

As lámpadas Philips Hue son o principal referente en iluminación domótica, contando con numerosas funcións que xogan coa intensidade e mesmo coa cor para conseguir ambientacións agradables en función de distintos parámetros, de xeito que podemos contar con automatismos ou incluso de control por voz, pero hoxe inician unha prestación máis curiosa en acceso anticipado: a integración con Spotify.
Esta nova funcionalidade permite que ligar a reprodución musical á iluminación que teñamos no fogar, conseguindo unha experiencia inmersiva grazas á análise dos metadatos incluídos nas cancións e que así permiten que a iluminación mude de intensidade e cor, e mesmo pestanexe ao ritmo da música, adaptándose ao xénero, o ton, o ritmo e outros parámetros. O usuario pode definir a intensidade das luces e a paleta de cores que desexe, así como cando quere que a sincronización musical se active.
Para poder gozar de Philips Hue + Spotify é preciso contar con lámpadas Philips Hue con control de cores, un bridge domótico de Philips (ou sexa, que non funcionaría con pontes como as integradas nos altofalantes Amazon Echo), un dispositivo de audio e unha conta de Spotify (incluso de balde).

Vídeo promocional de Philips Hue + Spotify

PUBLICIDADE