As lámpadas de IKEA serán compatibles coa domótica de Xiaomi

xoves, 29 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Cada vez son máis as compañías que queren posicionarse no sector da electrónica para o fogar, e incluso IKEA ten unha liña de lámpadas conectadas (Trådfri) que compite directamente coa familia Philips Hue e que vai dar un paso decisivo grazas a un acordo con Xiaomi, de xeito que a partires de decembro en China será posible xestionar as lámpadas de IKEA a través da plataforma IoT de Xiaomi.
Estamos ante a primeira vez que Xiaomi chega a un acordo cunha compañía tecnolóxica chinesa, e semella que vai conseguir un grande beneficio con tal operación, xa que actualmente hai máis de 132 millóns de dispositivos conectados (sen contar móbiles e ordenadores) na plataforma IoT de Xiaomi, polo que contar con compatibilidade con esta infraestrutura domótica supón un grande atractivo para as lámpadas Trådfri, xa que poderán controlarse a través do asistente de voz de Xiaomi e da aplicación Mi Home.
Amais, as lámpadas de IKEA poderán interactuar con outros dispositivos de fogar conectado de Xiaomi, podendo tamén controlarse co Mi Control Hub de Xiaomi (que emprega o protocolo ZigBee ao igual que o dispositivo de conexión de IKEA).

PUBLICIDADE