As mariscadoras de Arousa tiran proveito da aplicación galega Xesmar

luns, 4 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Pablo Dorgambide presentando o seu proxecto en Vodafone Connecting for Good Galicia

Se a iniciativa Connecting for Good Galicia da Fundación Vodafone comezou con tantos e bos folgos foi en parte grazas a Xesmar, entre outros proxectos de innovación directamente deseñados e impulsados para botar unha man a quen máis o precisa (a cerna e o alicerce de Vodafone Connecting for Good Galicia). Xesmar, como lembraremos, é unha iniciativa de gran potencial para as nosas confrarías e para as nosas comunidades de mariscadoras/es. Trátase dunha aplicación web que permite mellorar a xestión, a organización do traballo e o acceso á información nos devanditos ámbitos de actividade costeira. Esta información chegou a nós alá polo 2016. Agora, segundo puidemos saber, a aplicación vai (e nunca mellor dito) co vento na popa.
A ferramenta, que fornece ás mariscadoras de recursos para optimizaren as quendas e información cumprida e actualizada sobre cotas e notificacións, vén da man do emprendedor arousán Pablo Dorgambide, quen amais de ser enxeñeiro industrial e especialista no desenvolvemento de recursos tecnolóxicos ligados aos novos dispositivos, é coñecedor das principais necesidades e requirimentos (laborais, de xestión, de organización, de coordinación, de comunicación) dos colectivos ligados ao mar cos que convive.
A día de hoxe, segundo informa Pablo, Xesmar está a ser testada polas confrarías de Vilanova e Cambados, ás que lles ofrece unha serie de vantaxes e funcionalidades que fan máis doado o seu labor. Por exemplo, permítenlles ter un control automático dos traballos a realizar de quen os desenvolve. Ademais, a nivel comunicativo e organizativo, o sistema subministra nos móbiles da comunidade de implicadas/os todos os avisos e notificacións que abrollen das confrarías. Pablo Dorgambide, cuxa empresa coñécese como Qualigy Solution, sinala que a iniciativa “está a ter boa aceptación entre as mariscadoras” e que “o 70 % das usuarias que instalaron a aplicación entran nela a diario”.
O obxectivo do emprendedor é sumar outras confrarías á “comunidade”, todas elas compartindo unha base tecnolóxica común (unha base tecnolóxica que consiste en automatizar, rendibilizar e optimizar unha metodoloxía de traballo tradicional, a dos labores de marisqueo ao abeiro das confrarías, dunha maneira intuitiva, sinxela e moi doada de integrar) pero en cada caso particular atendendo ás necesidades específicas de cada entidade profesional.

PUBLICIDADE