As novas aventuras dos Angry Birds chegan antes a Android que a iOS

mércores, 1 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Os niveis do xogo desbloquearanse segundo vaiamos avanzando de cara ao Nadal

Adiantándose á actualización para iPhone do Angry Birds Halloween con novos niveis con deseño de Nadal, chega ao Android Market Angry Birds Seasons, un novo xogo para móbiles con Android que integra tanto os niveis de Halloween coma os de Nadal dos paxaros anoxados totalmente de balde, pois este título integra publicidade para o seu financiamento (por entender os responsables de Rovio que o pagamento polas aplicacións non está tan espallado en Android coma en iOS).
Resulta curioso o feito de que os niveis de Nadal están repartidos nun calendario a xeito de conta atrás para o 25 de decembro, de xeito que irán liberándose as distintas fases segundo avance o calendario real, repartindo a experiencia de xogo durante o presente mes.
O novo xogo para terminais con Android tamén inclúe publicidade no seu menú da nova tenda en liña de Angry Birds onde poden mercarse bonecos de peluche dos paxaros e porcos que protagonizan esta divertida guerra entre especies e que por desgraza non comezarán a distribuírse ata o mes de xaneiro (deixando pasar a campaña de Nadal).

Angry Birds Seasons para Android é de balde por integrar publicidade

PUBLICIDADE