As novas plataformas de comunicación e o papel que xoga nelas o galego, polo miúdo nunha xornada do CCG
martes, 18 de maio do 2021
O
Consello da Cultura Galega vai avaliar o presente e o futuro do
galego nas plataformas de comunicación. Farao nunha xornada este 25
de maio, a partir das 19.00 horas, que contará con algúns dos
principais protagonistas da cada vez máis ampla comunidade de
galegas e galegos que “vive e traballa en Internet”, como Esther
Estévez, Agos Reigosa, John Amil e María Saborís.
Tocaranse
cuestións como o auxe dos podcast, a explosión do streaming
a través de Twitch, o foro moderno de Discord ou a capacidade
humorística dos memes. Tamén se abordará o papel que xoga a
lingua galega nestes fenómenos.
A
cita titúlase Novas plataformas de comunicación. O galego vive
nas Redes e está coordinada polo xornalista Carlos Pereira.
Poderá
seguirse en directo desde a web e as redes sociais do Consello da
Cultura Galega (CCG).
Como
dixemos, na xornada participan catro das figuras máis destacadas da
comunidade galega na Rede: Esther Estévez, xornalista que está a
realizar un notable traballo divulgativo no espazo da CRTVG titulado
Dígocho Eu e unha grande orixinalidade no uso do Tik-Tok;
Agos Reigosa, un dos veteranos das redes galegas e agora detrás de
Twitch en Galego, plataforma que busca a agrupación e asociación
dos creadores de contido do país neste servizo; María Sabarís,
xornalista na diáspora que acaba de estrear Fóra de mapa, un
podcast que busca dar a coñecer as minorías menos visíbeis
que existen en Europa; e Jon Amil, unha das facianas máis coñecidas
do Galituiter e xestor da conta Emgalego, un dos últimos fenómenos
para a expansión e divulgación do reintegracionismo e a resolución
de dúbidas sobre a lingua galega.
Modera
a mesa Carlos Pereiro, xornalista e director da revista Morcego,
amais de membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do
Consello de Cultura Galega.