As novas unidades SSD de Samsung conseguen velocidades de até 2,5 GB/seg.

mércores, 23 de setembro do 2015 Marcus Fernández

As unidades SSD están chamadas a suceder aos discos duros nos nosos equipos informáticos, conseguindo unha considerable mellora no rendemento dos sistemas, levando ao límite moitas das tecnoloxías de transmisión de datos integradas nos ordenadores, e para continuar a avanzar neste ámbito Samsung presenta a nova unidade SSD Samsung 950 PRO, que achega ao mercado de consumo unha unidade cunhas prestacións propias do sector profesional.
A Samsung 950 PRO sería a primeira unidade SSD de consumo NVMe para PCIe 3.0, que nun tamaño moi compacto facilitaría a súa integración en equipos portátiles que gozarían así tanto dun bo desempeño como dun importante aforro de enerxía.
Esta nova unidade conseguiría multiplicar por 4 a velocidade das unidades SSD habituais, de xeito que a súa versión de 512 GB conseguiría velocidades de lectura/escritura secuencia de até 2.500 e 1.500 MB por segundo respectivamente. Tamén estaría dispoñible unha versión desta unidade con 256 GB de capacidade (con velocidades de até 2.200/900 MB/seg.), que custará 199,99 dólares cando saia á venda a primeiros do mes que vén, mentres que o modelo de 512 GB terá un prezo de 349,99 dólares.

As velocidades de até 2,5 GB por segundo de lectura e até 1,5 GB por segundo de escritura poñen a proba as velocidades internas dos equipos informáticos, conseguindo atender con soltura procesos con grande movemento de datos mantendo un consumo reducido

PUBLICIDADE