As novas unidades SSD de Samsung reducen os tempos de carga dos xogos

xoves, 25 de agosto do 2022 Marcus Fernández

De cara aos afeccionados aos videoxogos Samsung presenta novas unidades SSD nVMe 990 PRO, baseadas en PCIe 4.0, de xeito que conseguen velocidades ultrarrápidas e con grande eficiencia enerxética, resultando ideais para xogos con gráficos esixentes e outras tarifas intensivas, como o renderizado 3D, a edición de vídeo 4K e a análise de datos.
As novas unidades da serie 990 PRO conseguen velocidades de até 7.450 MB/segundo de lectura secuencial e de até 6.900 MB/segundo de escritura secuencial, conseguindo unha mellora de até o 55% en rendemento aleatorio con respecto ás unidades 980 PRO.
Actualmente as velocidades das unidades SSD resultan moi importantes para os xogadores, xa que os últimos xogos están preparados para tirar proveito da súa velocidade para así conseguir tempos de carga moi reducidos e experiencias sen cortes.
Como exemplo, das melloras de velocidade dende Samsung aseguran que o xogo de rol de acción Forspoken, compatible coas últimas tecnoloxías de carga de xogos, consegue cargar o seu mapa nas novas unidades de Samsung en aproximadamente un segundo, mentres que nunha unidade SSD SATA levaríalle 4 segundos e nun disco duro o tempo de carga sería de 28 segundos.
A nivel enerxético, as unidades SSD 990 PRO mellorarían a súa eficiencia até nun 50% en comparación coas 980 PRO. Amais, as unidades 990 PRO empregan un recubrimento de níquel no controlador e unha etiqueta de difusión de calor na unidade para unha xestión térmica fiable. Tamén é posible adquirir unha versión destas unidades cun disipador térmico que subministra unha capa adicional de control de calor, mentres que as súas luces RGB engaden máis estilo á unidade SSD.
En outubro sairán á venda unidades 990 PRO de 1 TB a un prezo de 211,99 euros, mentres que o modelo con 2 TB de almacenamento custará 387,99 euros. A versión con 4 TB de capacidade farase agardar até 2023.

Vídeo promocional das unidades 990 PRO de Samsung

PUBLICIDADE